Un universo por descubrir

Un galego na Lúa

  • Introdución

    Pousa os pés na Terra!
    Non,... esta webquest non fala de ti, aínda que os teus pais te pregunten acotío se estás na casa ou se andas outra vez paseando pola Lúa.
    Como ben sabes, os galegos somos un pobo de emigrantes e percorremos o mundo enteiro procurando mellorar as nosas vidas. Din que en calquera lugar do mundo, vaias onde vaias, podes atopar a un galego. Pero non, esta webquest tampouco trata sobre a emigración galega.
    De que vai, xa que logo, a proposta?

    O vindeiro 28 de marzo de 2016 fará xa 50 anos que morreu Don Ramón María Aller Ulloa, galego, galego de Lalín, matemático ademais de crego e astrónomo; foi director do observatorio de Santiago.
    O astrónomo inglés Wilkins puxo o nome de Aller a un cráter da Lúa, e nós para recoñecerlle o seu labor, imos organizar unha grande exposición que serva de homenaxe a este home de ciencia.
    Se queres coñecer un pouco máis da súa vida preme na imaxe que ilustra esta webquest ou mira o vídeo "Ramón María Aller. Astrónomo".

  • Tarefa

    A homenaxe que lle imos facer consistirá nunha exposición con posteres que elaboraremos nun programa de presentacións. Neste sentido as tarefas que se vos encomendan son as seguintes:
    Tarefa inicial (Gran Grupo): - Coñecemos a Don Ramón María Aller Ulloa. Compartimos as nosas visións sobre a relevancia deste home como científico galego. Deberedes ler, cando menos, a biografía do científico homenaxeado, Don Ramón María Aller Ulloa, que podedes obter premendo na imaxe que preside esta páxina.

    Miss & Mr. Universo (Individual): Homes e mulleres que ao longo da historia aportaron o seu facer para que coñeceramos mellor o Universo que nos rodea. Elixiredes cada un ao seu personaxe e individualmente elaboraredes un póster en tamaño A4 (formato horizontal) sobre un persoaxe relevante da historia do coñecemento e exploración do Universo.

    Visións do Universo (En grupo): A encomenda nesta ocasión é a elaboración en pequeno grupo duns pósters en tamaño A2 ( formato vertical) sobre diferentes visións do universo segundo quen o mire.Propoñévos os seguintes roles:
    Astrónomo.
    Astronauta.
    Poeta - Artista.
    Historiador - Inventor.
    Lendas - Relixións.
    Finalmente un Extraterrestre. Como vería o planeta Terra este visitante do espazo.

    Exposición (Gran grupo): Chegou o momento de montar a exposición cos pósters individuais e de grupo que se foron elaborando e organizar as visitas e explicacións aos visitantes (compañeiros e compañeiras da vosa escola).

  • Proceso

    Cando encontramos a alguén que esperta en nós admiración, gustamos de saber como pensa, como é, porque fixo o que fixo, que ideas tiña, coñecer, en definitiva, o seu pensamento. Esa é a proposta: entender mellor o pensamento daqueles aos que admiramos ou consideramos dignos de ensinarnos algo e plasmalo nun póster.
    Unha biografía do pensamento porá o acento no pensamento e non tanto na vida e nas súas vicisitudes. Sinalaremos as ideas eixe, as intuicións clave, os conceptos primordiais, os descubrimentos… tal e como o autor os expresou nos seus libros, poemas, cadros, fórmulas, discursos...
    O primeiro que haberá que facer é investigar a biografía dunha personaxe da historia da astronomía que vos suxira certo interese. Poderiades optar por exemplo por:
    O primeiro can no espacio
    O primeiro home en dar unha volta ao redo da Terra.
    O primeiro home en pisar a Lúa.
    A primeira muller astronauta: Valentina Tereshkova.
    O primeiro astronauta español
    Hiparco: Pai da astronomía.
    Tales de Mileto. A Terra é redonda
    Aristarco. O Primeiro modelo heliocentrico
    Tolomeo. O Xeocentrismo
    Copérnico. O Heliocentrismo
    Kepler - Leis dos movementos dos astros
    Galileo - O Telescopio e a Vía Lactea
    Newton. Leis da gravitacion universal
    Einstein. A velocidadde da luz é a velocidade límite do Universo
    Edwin Hubble. O Universo en expansión Big Bang
    Carl Sagan. Autor de cosmos. A divulgación científica
    Stephen Hawking. Unha das mentes brillantes na actualidade...
    Finalmente poderíamos dividirnos a tarefa de investigar ao noso homenaxeado para termos unha sección adicada ao mesmo. Por exemplo:
    Aller: O grande astrónomo Galego
    Aller: As estrelas dobres.
    Aller: O observatorio de Lalín
    Aller: O observatorio astronómico da Universidade de Santiago de Compostela

    Chegou o momento de facermos o noso póster. Podemos utilizar calquera aplicación que coñezamos, en último caso, trátase de facermos tan só unha diapositiva nun programa de presentacións. Nesta diapositiva temos que resumir e concentrar a nosa información e lembra que ten que poderse ler a certa distancia polo qeu debemos ser quen de reducir a información a ideas clave e a grafismos e imaxes significativas.

    Para a elaboración dos pósteres visións do Universo dividirédesvos en grupos segundo os roles asignados a cada quen, e seguindo o modelo de traballo anterior deberedes elaborar unha presentación sobre a temática que vos corresponda ao grupo, nesta ocasión tende en conta que o tamaño impreso equivale a 4 diapositivas A4, polo que a información pode ser algo máis extensa.
    Neste documento podedes ver os consellos dados noutro congreso para a elaboración dos pósteres, consellos de grande utilidade e que poden servirvos de referencia na elaboración das vosas propostas.

    Finalmente indicarvos que antes de comezar seria bo que vos puxerades de acordo cos outros grupos, sobre algúns elementos esteticos e formais como formatos de texto, tamaño das imaxes, grafismos, iconas. A intención desta posta en común previa ten por obxecto darlle unha certa unidade á exposición final.

  • Recursos

    Para o desenvolvemento desta webquest son de utilidade as ligazóns que atoparás nas sección sde recursos do proxecto un universo por descubrir.
    Astrónomos da historia
    Breve Historia da Observación Astronómica
    Historia da Astronomía
    Portal de Astronomía da wikipedia

    Algunhas outras ligazóns específicas para o desenvolvemento temático dos cartaces.

    O Impacto do Universo na cultura Astronomía e arte
    Avances que nos deixou a carreira espacial
    Concepcións do Universo ao longo do tempo
    Astronautas

  • Avaliación

    As tarefas desenvolvidas nesta webquest deberán ser expostas oralmente na aula antes da súa exposición pública.
    Isto permitiranos solucionar pequenos problemas e artellar a mellor maneira de explicalo ás persoas que visitarán a nosa exposición.
    Faremos unha autoavaliación de grupo e outra individual
    Temos que ser conscientes da importancia do traballo en equipo.
    Nesta rúbrica de avaliación centrámonos no traballo en equipo, aspecto ao que nesta ocasión imos darlle máis peso. Estas liñas de traballo serán tidas en conta tamén para as tarefas desenvolvidas individualmente.

  • Conclusión

    Rematado este proxecto que nos levou a montar unha exposición - homenaxe a D. Ramón María Aller Ulloa, cómpre analizar a importancia do esforzo individual de homes e mulleres que día a día poñen todo o seu corazón e todo o seu cerebro na procura de mellorar o noso coñecemento do mundo que nos rodea.
    Sermos conscientes da función social dos investigadores, é un primeiro paso para darse conta do importante que é para o ser humano favorecer desenvolvemento da investigación e da Ciencia .

    Pero aínda que o traballo científico é individual, nós aprendimos que nos traballos en grupo non se pode ter éxito sen os demais. E, polo tanto, temos que mellorar as nosas relacións interpersoais porque aprendémonos uns a outros. Aprendemos moitas cousas mellor xuntos, animándonos a mellorar.
    Nos traballos en grupo debemos facernos máis responsabeis, xa que do noso traballo dependen os traballos dos outros membros dos equipos.